O xogo sensorial é idóneo para motivar ás crianzas. O aroma e as texturas poden axudar a calmar ás nenas/os, despois dun día longo. Para esta actividade necesitamos:
- 1Kg. de arroz
- 1/2 cunca de flores secas de lavanda
- Bolsa hermética
- Bandexa ou contedor para xogar
- Aceite esencial de lavanda
- 1-4 culleradas de pintura non tóxica ou acuarela líquida
- Utensilios para xogar (culler, vaso...)
Para colorear o arroz gardamos o mesmo nunha bolsa hermética e engadimos a pintura ou acuarela. Abaneamos o arroz ata que estea coloreado e colocámolo nunha bandexa de forno para que seque (20 minutos aproximadamente).
Cando o arroz estea seco, engadimos as flores e o aceite de lavanda e botamos todo na bandexa para xogar.
Ás crianzas encántalles este tipo de xogo sensorial aberto, xa que supón unha oportunidade para xogar libremente e sentir os materiais nas súas mans, mentres exploran e descobren infindas posibilidades
Matemáticas con elementos naturais:
Ás crianzas (e tamén as persoas adultas) encántalles gozar da natureza, dos espazos abertos, da liberdade de poder correr por todos os lados... Isto podemos aproveitalo para que aprendan matemáticas facendo series con elementos naturais. As series son un dos primeiros contactos que teñen as nenas/os co pensamento lóxico-matemático. Non importa o lugar no que o fagamos (praia, monte, río, xardín ou parque), en calquera destes lugares atoparán elementos naturais que lles servirán para facer series. Podemos levar unha cesta ou caixa para que recollan elementos distintos e varios de cada tipo. Podemos recomendarlles que collan uns dez de cada compoñente que atopen. Cando teñan todos os obxectos poden deixalos no chan e empezar a pensar o tipo de series que crearán, xogando coas formas, cores, tamaños etc. A imaxinación será o seu mellor aliado, e dos elementos escollidos sairán auténticas preciosidades. Ademáis de series tamén poden facer mandalas ou simetrías.
Actividades de lectoescritura:
Estes días de paseos, natureza, aire... enormemente gratificantes; atopei na rúa algo que espertou a miña curiosidade, pola súa sinxeleza, fermosura... Debuxos e letras invadían a beirrarúa para comunicar verdade, expresividade, creatividade... con dous elementos, un xiz e un anaco de chan. E pensei... por que non saír coas crianzas a rúa e xogar coas letras na natureza. Facendo:
- Listaxes de palabras segundo a letra inicial (letra A: árbore, area...)
- Palabras que comecen pola mesma letra co nome (Breixo, bico, barba...)
- Facer un debuxo, explicar o que é, escribir o seu nome
- Xogar a ler partes do nome, ocultando unha parte (por sílabas)
- Iniciar un nome e que as crianzas rematen de escribir (Sebasti-, barc-)
- Novas palabras: buscar palabras ocultas dentro dun nome (Sabela: sabe-ela; María: mar-ría)
- Escribir un nome e buscar tantos elementos (pedras, flores, follas, paus...) como letras teña.
- Escribir o nome de distintas maneiras; buscar o correcto (Leo-Ole-Eol), ou escribir outras palabras coas letras do nome
- Completar nomes escribindo as letras que faltan (-una/Luna; Lidi-/Lidia)
No hay comentarios:
Publicar un comentario