lunes, 9 de noviembre de 2020

Como favorecer a aprendizaxe na casa. Pitiñas/os

 Momentos de caos, preocupación, emocións a flor de pel. De súpeto rompemos as rutinas do cole, actividades, xuntanzas con amigas/os... situacións que provocan desequilibrio. E temos que buscar novas formas de relacionarnos, de ser e estar no mundo.

A ferramenta máis importante para xestionar todas as emocións que xorden coa infancia é o xogo. É interesante que as crianzas teñan acceso a unha grande variedade de actividades e materiais abertos, con múltiples posibilidades, sen necesidade de custe algún, senón que poden ser obxectos da nosa vida cotiá.

É importante non tomalo como unha obriga, senón unha oportunidade de adaptarse ao mundo, vivir dun xeito máis lento e valorar o feito de pasar tempo coa familia. Aquí tedes algunhas propostas, que espero que vos axuden. 

1.Xogos con xeo e auga: a auga é un dos elementos da natureza que máis atrae as crianzas. Conéctaos co natural, coa súa esencia. O xogo sensorial con xeo e auga favorece a aprendizaxe experimental, a exploración e a manipulación.

"BOLAS DE XEO ARCODAVELLA": necesitamos auga, colorante alimentario e globos. Botamos un par de gotas de cor en cada globo, enchemos de auga e movemos un pouco para que se mesture, metemos no conxelador 24h. despois cortamos e listas para xogar. Podemos engadir vasos, culleres, auga, mazo...
"XEOS PARA PINTAR": necesitamos auga, colorante alimentario, cubitera de xeo e paus de madeira ou plástico. Tinguimos de cores a auga da cubitera e colocamos un pau para o agarre posterior. Conxelamos e a pintar!!. Sen dúbida é unha proposta de xogo sensorial para traballar a creatividade, a motricidade fina, letras, números e a expresión sen fin.
"FLORES E FOLLAS CONXELADAS": collemos flores e follas de diferentes formas e cores. Para conxelalas utilizamos unha cubitera ou outro recipiente; en cada compartimento colocamos un par de flores, cubrimos con auga e conxelamos. Botamos nunha bandexa e podemos engadir auga tinguida, vasos, mazo, pipeta, pinzas... O efecto das flores conxeladas é realmente fermoso.

2. Contos: Os contos son pura maxia, imaxinación, fantasía, aprendizaxe, creatividade, diversidade ... Transportannos a mundos lonxanos, amosando as crianzas outras realidades e personaxes cos que sinten identificadas/os. Non poden faltar nestes días!!

3. Configurar unha bandexa sensorial

Esta mesa sensorial do pequeno mundo das ras, inclúe auga, rochas, plantas de plástico e anacos de madeira. Nela hai xoguetes sobre o ciclo de vida das ras e libros informativos. O interés da crianza espértase a través do xogo e pode dar lugar a debuxos, etiquetas con nomes... Trátase dun espazo que implica acción, imaxinación, sensorial, aberto... no que as nenas/os son os protagonistas.





4.Escritura: a mellor aprendizaxe é o exemplo. Permitir que as crianzas vexan as persoas adultas ler, escribir, de xeito habitual (lista da compra. tarefas pendentes...), escribirlle notas as nenas/os para que as atopen, unha palabra contrasinal para entar no salón, por exemplo. Ler o periódico, algún libro ou revista. Poñer ao seu alcance ferramentas para escribir listas, notas (papel, lapis, selos de tinta, sobres...). Fomentar o seu uso de xeito lúdico, por exp: facer unha invitación de aniversario etc. Poden escribir en crema de afeitar, pintura, sal, fariña... xa que isto axuda a recordar de xeito máis efectivo.


5.Números: Tódolos conceptos matemáticos pódense introducir e practicar mediante o xogo. Facer que as nenas/os participen no cociñado, contando cantidades, axustando a temperatura... A vida cotiá ofrece moitas oportunidades para unha aprendizaxe enriquecedora das matemáticas. Cal é o número da porta?, quen é a maior da casa?, cantos anos teñen os diferentes membros?; poden contar os utensilios que van poñer na mesa (número de culleresn coitelos, vasos...)
Falar das horas do día, ver o número dos zapatos, medir obxectos, contar xoguetes, emparellar calcetíns.... Podemos utilizar materiais sensoriais para practicar as operacións numéricas.



6. Xogo de roles para a aprendizaxe das letras e números: a configuración deste tipo de xogo axuda ás crianzas a ler e escribir dun xeito natural, non abstracto e sen relación coa vida cotiá. Por exp.; engadir etiquetas a súa cociña de xoguete e que pregunten que din esas palabras; ou facer un xogo de café e engadir un menú, colocando un papel e bolígrafo para que tomen notas.


2 comentarios:

Yolanda dijo...

Me encantan las propuestas . Mil gracias tegriñas!

Unknown dijo...

Que interesantes propostas! Xenial! Grazas

LinkWithin

Related Posts with Thumbnails